LAMAS. O CIENTISTA MÁXICO

Teimas e retallos

Santiago Lamas

Ediciones Elcercano. Ourense 2015




Xandre García Caballero


Acaído o título de “Teimas e Retallos” para este facho de novas faragullas da mesa inzada de lecturas do Lamas.


Evitemos entrar de cheo no contido, escoitemos somente o balbordo das follas mentres paseamos por esta fraga mesta, por estes carreiros ocultos (holzweg) que tanto lle gustan ao autor. Desenvólvese ante nós, unha cuberta vexetal de miles de horas de lecturas que van agromando aquí e acolá, abalando e devalando un discurso que salta de Goethe a Barthes, dos Botánicos contemporáneos á Virxilio, de Lacan a Cunqueiro, como un barón rampante que gabeara por polas distantes, percorrendo “o universo que outros chaman biblioteca”.


Con Lamas ocúrreme ás veces como con ese Bolaño de “Estrella Distante” ou “La literatura nazi en América” onde podes atopar o xermolo case en cada páxina, ás veces en cada párrafo, dunha novela enteira, dun mundo enteiro, do que por preguiza, ou máis ben por apuro só se nos deixa albiscar un átomo. A Lamas non lle interesa a conquista, é un explorador que nos vai deixando marcos, facendo unha caprichosa cartografía coa esperanza de que alguén, con outro carácter, veña detrás a tomarse o traballo de conquistar esas terras incognitas.


Cales son as características esenciais destes e doutros textos lamanianos?, -penso neses fíos e lecturas tamén editados coa axuda de El cercano e que encetaban con esa criptometáfora que describiran Lakoff e Johnson “o pensamento é coma un tear” (do que derivarían por exemplo: perdín o fío da conversación, ou quedáronme uns flocos colgando naquela conversa)


Para non abusar de barroquismo:


1. Construcción orgánica:


Ademáis de coma tear e como mesta fraga, podemos contempla-lo pensamento como unha construcción, coma un edificio “de sólido ou feble basamento”, cheo ou non de adornos, de recunchos, de corredores, de portas e fiestras que se abren ou pechan. Coma os hexágonos da Biblioteca de Babel. Así os edificios conceptuais poden ser clásicos ou barrocos, luminosos ou escuros, e coma pazos ou máis acordes coas dimensións humanas. Na súa estructura poden seguir proxectos perfectamente predeterminados ou ben seguir unha construcción orgánica.


Na nosa paisaxe (outra das teimas do Lamas) as construccións chaman a atención pola aposición de estilos, pola utilización de estructuras vellas para facer trabes de partes novas. As nosas casas tradicionais, non adoitan seguir proxectos directrices senon que cambian co tempo, adaptándose as necesidades da xente, onde había unha xanela, atopamos un muro, o límite dunha construcción convírtese en prolongación cunha nova, unha casa grande é repartida en tres pequenas, coma se dun arrecife de pequenos pólipos se tratase.


Os textos de Lamas están edificados deste xeito, vanse construindo sós, por medio de pequenos pólipos, de referencias provintes de fontes moi diversas que van acrecendo, amoreando material, ao principio inconexo e posteriormente ao través dunha narración espiral, excursiva, digresiva, xerando sentido, construindo figuras diferentes daquelas coas que nos amornecen os medios. Lamas é nese sentido incómodo, escribe en galego pero non é nacionalista, pode citar a Castoriadis pero tamén a Popper sen ruborizarse,  as veces sálenlle argumentos de vello marxista pero cando desbardalla contra o islam soa casi a LePen… Un sospeita que todo forma parte da súa performance, de arroutado, de epater les bourgeois, simplesmente para ver as caras de parvo que poñemos os políticamente correctos escoitando estas barbaridades (dou fé que é un deporte que lle gusta)…


2. Mirabilia naturalia


Darío Villanueva referíndose a Cunqueiro dicía que era un mestre en presentarmonos os mirabilia (o maravilloso, o sobrenatural) como naturalia. En Lamas se me permitides o xogo, temos un mestre en presentar a naturalia como mirabilia. Dentro das súas Teimas está a obsesión polo comportamento animal, polo comportamento natural, pero que recontado ao seu xeito supón unha irrupción do sobrenatural. Eis o título que lle dei a este texto “o Cientista Marabilloso”, xogando coa idea de contista e científico. Pois o Lamas descobre nesas formigas do xénero Camponotus, nas aventuras dos arenques e sardiñas, nas árbores que falan e avisan cando ven unha gacela chouchar as súas follas, nas migracións das anguías, salmóns e lampreas tan parecidas ás sofridas no noso país nos últimos 150 anos… mensaxes que precisan dun intérprete.


3. Metodoloxía médica


Ainda que renega de seu antigo oficio, a metodoloxía está aí. A partir de pequenos indicios que para o ollo non entrenado non supoñen información ninguna, vai debullando ese discurso digresivo, ata que finalmente atopamos un sentido, unha figura, sobre a que constrúe unha narrativa, ou lle da unha interpretación. Pero sempre unha interpretación entre outras posibles, unha interpretación provisional, pois non hai verdade unívoca, e menos en Galicia onde todo é aseghún.


4. Minima moralia


Eses milleiros de lecturas, as veces contrapostas, provintes de disciplinas afastadas, como Babilonia e o Congo, encerran un ensino moral, uns códigos de conduta, que nos aprenden que máis aló das facianas, dos partidos, das etiquetas, as persoas son boas ou malas segundo as decisións que toman en momentos e circunstancias concretas e que hai unha ética e unha estética coa que facer ás cousas, mesmo trabucada ou teimosamente.


Por iso ao rematar esta presentación o Lamas non firmará autógrafos, nin eu farei unha outra laudatio… do Dalai Lamas, o psiquiatra león, o túzaro fuxidío que ao seu pesar conseguiu ter algúns bos e xenerosos lectores.