EDITORIAL


Ramón Area




Logo duns anos sen plan estratéxico de saúde mental, anunciouse dende o Servizo Galego de Saúde o comezo do traballo para a redacción dun novo plan. O mecanismo non é moi diferente a outras ocasións, coa posta en marcha de grupos de traballo segundo temáticas moi concretas. Tamén optouse (boa nova) pola heteroxeneidade e a transversalidade dos grupos, con algúns deles formados por profesionais, noutros coa participación do movemento asociativo, asociacións profesionais ou persoas en representación das diferentes áreas sanitarias. Sempre fica borrosa, conste, a voz dos usuarios e talvez fose esta unha boa oportunidade para explorar outros xeitos de escoitala e darlle o valor que ten.


En xeral, congratulámonos pola iniciativa e, como sempre ao longo da súa historia, a AGSM participará naquelas comisións para as que foi requirida.


Os plans son necesarios. Marcan, polo menos, unha dirección nas políticas de saúde mental e consideramos que a súa ausencia foi causa da perda dun sentido xeral. Foi grave esta inexistencia dun documento que aportara unha mínima coherencia e que fose a referencia no que ancorar as inicia- tivas e a organización nas diferentes áreas sanitarias. Así, nos últimos tem- pos, observouse unha falla de rigor nas liñas que, polo menos, deberan guiar a atención ao sufrimento mental. Sabemos que existen moitas máis dificultades, como as referidas á epidemioloxía, á investigación, á formación, á interdisciplinariedade, á saturación dos servizos, á escaseza de profesionais... tamén preocúpanos aquelas cuestións que levan camiño de seren crónicas, como o emprego, a atención ao trastorno mental severo, as curatelas e incapacitacións, as dificultades dificultades da poboación infantoxuvenil ou xeriátrica. De seguro que son moitas as dificultades pero gustaríanos salientar xustamente a inexistencia dun marco teórico claro que sexa o lugar común dende o que desenvolver e darlle sentido á asistencia.


Por iso, e máis aló da especificidade dos distintos grupos de traballo, cremos que é a obriga dunha asociación como a AGSM volver insistir no modelo comunitario (de cando en vez resulta moi proveitoso volver ler o decreto que regula a atención á saúde mental en Galiza) como aquilo no que debe repousar calquera tipo de traballo máis específico.


Ademais, cómpre salientar dúas cuestións máis. Os plans deben dotarse economicamente e atender con detalle ao seu cumprimento. Do contrario, só estaríamos diante dun papel máis, dun documento elaborado, de seguro, con esforzo, pero absolutamente inútil.


E dicimos isto porque en Galicia e, nomeadamente en saúde mental, temos experiencia dabondo nesta clase de funcionamentos: comisións, documentos e... a nada (salvo o caixón onde fican liñas cheas de boas intencións pero con ningunha repercusión na realidade clínica).


Marco, financiación e cumprimento. Cuestións sen as que, os grupos, o traballo e os plans, volverían a encher de pesimismo e queixa a saúde mental.


E diso, levamos xa dabondo. A ver se desta vez....