Galicia Style

Psiquiatría, psicanálise e literatura

Pazo Museo otero Pedrayo

Trasalba - Amoeiro, Ourense


Sábado 28 de maio de 2016


GALICIA STYLE


No ano 1991 celebráronse no Pazo de trasalba as primeiras xornadas baixo o titulo xenérico de Psiquiatría, psicanálise e literatura. O nome facía honra a un pulo por conservar e ampliar os lazos que unen disciplinas que nunca terían que estar a separarse por moito que se empeñen dende diferentes lugares e discursos.


Foi o bulebule do inxenio do lamas e a súa arela quen pariu a idea, e quen fixo que a afectio societatis fixera de pez para tecer a rede de Trasalba, cun certo estilo clandestino e un acabado informal (pero coidado), rasgo definitorio de toda a serie.


Un tempo despois, adicáronse cada ano a un tema xenérico: a ausencia, as emerxencias, a comunidade, o retorno, a marea negra do Prestige e a saúde mental, coa música a outra parte, os nomes do mal... e así ata 21 títulos que compoñen unha pequena cronoloxía intelectual do país e do oficio. os contidos e as palabras foron conformando uns encontros abertos, dialogantes e cheos dun bo facer que espabilaba os maxíns dos asistentes quen, nun estusiasmo poucas veces visto, xa comezaban a artellar o seguinte Trasalba.


Dende daquela, e xa vai un cuarto de século (que se di pronto), fomos quen de mantelas con continuidade 20 edicións. Por elas desfilaron xentes das letras, das artes, da política, do cinema, da canción, do xornalismo... de todos os recunchos de Galicia, ademais de profesionais do terreo deste oficio psy, enredados coa tolemia e co asunto das paixóns, sufrimentos e outras historias humanas.

Esa aposta aínda continúa tras un pequeno paréntese duns anos de silencio, posiblemente interpretable e que coincide cun certo esparexemento e diásporas varias.


Este ano celebramos de novo as XXI xornadas ás que todos estades invitados. o título xenérico é Galicia Style con toda a retranca que ten escribir títulos deste xeito.


Xurde dunha teima sen resolver sobre a que vimos falando de xeito informal dende xa hai tempo, ata que, por fin, a idea coagulou en facer un encontro (por certo, un mecanismo moi Trasalba style).


Trátase de poder falar sobre o que os termos Galicia e estilo suscitan nos diferentes invitados, e a partires do que nos conten, facer una conversa que sexa texto e pretexto. Abrir preguntas, desenferruxar os miolos e atreverse a pensar sobre o que acontece ou o que non; do que, se non o fai, debera; do porque si ou porque non.


Se identidade e identificación non son o mesmo: ¿que rasgos nos configuran como pobo?, ¿é Galicia sitio distinto como dicía reixa? ¿que relacións mantemos co poder? ¿de que maneira gozamos como pobo? ¿que relación temos co saber ? ¿e a relación coa pulsión de morte?.


Estas son algunhas das cuestións polas que orientarse para abrir o debate.


Se o estilo supón unha posición subxectiva e a consistencia do mesmo a través do tempo lle podemos chamar identidade, poderiamos aventurar un subtítulo ao redor da cuestión do estilo: ¿que posición ética como pobo temos fronte o desexo, o amor e o goce?


Sobre destas cuestións e outras moitas posibles, falarán os nosos convidados, aportando o seu saber e reflexións sobre o asunto, e o que lles suscita.

Contamos para animar a xornada con: Santiago lamas, Xaime Subiela , Ana Cibeira, Antón Casais, María Antonia de Miguel, Moncho Campos, Francisco Fdez. Naval, Xosé García, Olga Novo e Sánchez Salorio.


Estades todos invitados.


PROGRAMA

“A-discreción”. Antón Casais. (Psiquiatra, psicoanalista).
“Galegos en Venezuela: 1950-1980. adaptación e choque de percepcións”.

Xosé ramón Campos. (Profesor historia Universidade Vigo)

“A nena e o infinito canto do tubérculo”. Olga Novo. (Poeta, profesora IES)

“A fraseoloxía como expresión de estilo”“. Francisco Fernández Naval (Chisco). (novelista e poeta)

“A identidade galega como creba: unha proposta estilística”. Xosé Manuel García (economista)

“Fronteira interior: ¿onde remata Galiza por dentro de nós? Unha aproximación dende a práctica da poesía”. Ana Cibeira (Poeta).

“A pasión de Concepción Arenal.¿Un torrente ou abismo?”. María Antonia de Miguel. (Psicoanalista)

“A indiferencia coma feito diferencial galego”. Xaime Subiela (Politólogo)

Santiago Lamas presenta ao Profesor Manuel Sanchez Salorio (médico oftalmólogo, humanista): “Cambio de papéis na función social do médico. reflexións sobre una peripecia”.


window.print();