CAPÍTULO I
DENOMINACIÓN, OBXECTO, ÁMBITO TERRITORIAL E FUNCIONAMENTO
Artigo 1º
Créase sen ánimo de lucro a asociación denominada Asociación Galega de Saúde Mental (AGSM-AEN), que se rexerá polos presentes Estatutos e pola Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do Dereito de Asociación, polo artigo 22 da Constitución Española, e pola demais lexislación existente en materia de Asociación que lle sexa aplicable.
Artigo 2º
A Asociación Galega de Saúde Mental ten como obxecto contribuír, por cantos medios estean ao seu alcance, á difusión e ao progreso das ciencias da saúde mental e a mellora continua da asistencia psiquiátrica en Galicia.
Artigo 3º
a) Para o cumprimento dos seus fins, a Asociación poderá realizar as seguintes actividades:
- Organización de cursos, reunións científicas, páxina web e
outros recursos electrónicos, congresos e outros actos análogos.
- Elaboración e edición de revistas e calquera outro tipo de publicación para a difusión das ideas da Asociación e posibles traballos de investigación.
- Calquera outra actividade que a Xunta Directiva considere axeitada para o cumprimento dos fins da Asociación.
b) A Asociación coordinarase con todas aquelas organizacións, asociacións e institucións nacionais e internacionais que traballen en pro dos obxectivos enunciados anteriormente. E, dun xeito concreto, coa Asociación Española de Neuropsiquiatría, Profesionales de Salud Mental (no sucesivo A.E.N.) na que intégrase encanto sección territorial na Comunidade Autónoma de Galiza.
c) A Xunta directiva da A.G.S.M. elixirá democraticamente por períodos non superiores aos tres anos, que poden ser renovables, un representante na Xunta de Goberno da A.E.N.
Artigo 4º
Establécese o domicilio da Asociación no Departamento de Psiquiatría da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela, rúa San Francisco, s/n, código postal 15701 Santiago, teléfono 981563100, apartado de correos número 336 (15700) de Santiago de Compostela.
Artigo 5º
A Asociación Galega de Saúde mental constitúese con carácter indefinido e axustarase sempre a principios democráticos.
Artigo 6º
A asociación ten personalidade xurídica propia independente da dos seus asociados e, en consecuencia, ten plena capacidade para seren suxeito de deberes e dereitos nos termos previstos polos estatutos e pola lexislación vixente.
Tanto para a consecución dos seus fins como no emprego dos medios propostos, a asociación non ten ánimo de lucro de acordo coa lexislación vixente.
CAPÍTULO II
DOS SOCIOS
Artigo 7º
a) A Asociación compoñerase de socios de honra e numerarios, e o seu número será ilimitado.
b) Poderá ser membro da Asociación, calquera profesional da saúde
mental, sexa cal sexa a súa cualificación profesional, sempre que acredite unha vinculación profesional, laboral ou administrativa á saúde mental.
c) Os socios de número ingresarán, logo de facer a solicitude avalada por dous socios, que deberá ser aprobada pola Xunta Directiva e ratificada na Asemblea Xeral.
d) O nomeamento dos socios de honra será efectuado pola Asemblea Xeral para distinguir a todos aqueles profesionais que contribuísen de forma eminente ó desenvolvemento dos obxectivos da Asociación.
Artigo 8º
a) Os socios da A.G.S.M. son tamén socios de pleno dereito da A.E.N.
b) Aqueles socios da A.E.N. que residan na comunidade autónoma de Galiza pasarán a ser socios de pleno dereito da A.G.S.M. salvo que expresamente rexeiten a súa inclusión.
Artigo 9º
a) Todos os socios estarán obrigados a cumprir o establecido nos presentes estatutos e a acatar os acordos da Asemblea Xeral e da Xunta Directiva.
b) Os socios numerarios deberán pagar as cotas que se establezan
na Asemblea Xeral. Os socios de honra estarán exentos de pagamento de cotas.
c) Os socios terán dereito a intervir con voz e voto nas asembleas xerais e a facer proposicións por escrito que serán dirixidas ao Presidente da Asemblea.
d) Os socios terán dereito a elixir e ser elixibles para calquera cargo do Órgano de Goberno e representación, a participar nas actividades da Asociación e asistir a todos os actos que celebre a mesma.
e) Levarase un libro de rexistro dos socios compoñentes da Asociación actualizado na última asemblea.
f) Pérdese a condición de socio:
1.- Por vontade propia do interesado, comunicada por escrito ao Presidente.
2.- Por expulsión decidida pola Asemblea Xeral por maioría absoluta dos presentes, por proposta da Xunta Directiva, logo da apertura dun expediente contraditorio con audiencia ó interesado.
3.- Por un retraso superior a dous anos no pagamento da cota e logo de aviso. Neste suposto, poderá solicitar o seu reingreso logo de pagar a última cota debida.
CAPÍTULO III
DA ASEMBLEA XERAL
Artigo 10º
a) A Asociación estará rexida pola Asemblea Xeral e dispoñerá, como órgano propio para o cumprimento dos seus obxectivos, dunha Xunta Directiva.
b) Todas as votacións da Asociación, sexan de asembleas, xuntas, comisións, etc… efectuaranse mediante sufraxio libre dos asistentes.
Artigo 11º
Constitúen a Asemblea Xeral todos os membros numerarios e de honra que se reúnen para tomar acordos, logo de convocatoria realizada polo Presidente da Xunta Directiva, que será quen presida e dirixa os debates.
Artigo 12º
a) As asembleas xerais serán ordinarias e extraordinarias.
b) As asembleas ordinarias reuniranse polo menos unha vez ó ano.
c) As asembleas extraordinarias serán convocadas pola Xunta Directiva e deberán realizarse obrigatoriamente cada tres anos. Asemade, convocaranse aos trinta días da presentación de petición por escrito de polo menos un quinto dos socios con dereito a voto.
Artigo 13º
Son atribucións da Asemblea Xeral Ordinaria:
1.- Aprobación da acta anterior.
2.- Estudio e aprobación, se procede, do balance do ano anterior.
3.- Aprobación ou denegación do orzamento da Asociación.
4.- Estudio e aprobación, se é o caso, da memoria anual respecto ao desenvolvemento das actividades da Asociación.
5.- Determinar o importe das cotas ordinarias e extraordinarias.
6.- A admisión ou exclusión de membros por proposta da Xunta Directiva.
7.- Aprobación das actividades científicas e as publicacións que se vaian realizar.
Artigo 14º
Son atribucións da Asemblea Xeral Extraordinaria:
1.-Elixir a Xunta Directiva, o Comité de edición de publicacións e as Comisións asesoras da Asociación. A Xunta Directiva elixida tomará posesión no prazo máximo dun mes contado desde a data da súa
elección.
2.- Aprobar os regulamentos que para o desenvolvemento dos estatutos redacte a Xunta Directiva.
3.- Modificar os estatutos da Asociación.
4.- Disolver a entidade.
5.- Solicitar a declaración de utilidade pública.
6.- Disposición e alleamento de bens.
7.- Constituír e integrarse en federacións.
Artigo 15º
a) A Asemblea Xeral será convocada aos socios pola Xunta Directiva con quince días de antelación, por escrito, con constancia da orde do día, lugar, data e hora da convocatoria.
b) Poderán figurar na orde do día, aquelas proposicións que determine a Xunta Directiva, así como as que presenten un dez por cento dos socios, por escrito, con dez días de antelación á celebración daquela, as cales serán engadidas á orde do día da convocatoria.
Artigo 16º
a) Os acordos da Asemblea Xeral Ordinaria serán adoptados por maioría simple dos asistentes. Para constituírse validamente deberán de asistir, en primeira convocatoria a maioría dos socios. En segunda convocatoria serán válidos os acordos calquera que
sexa o número de asistentes con dereito a voto.
b) Os acordos da Asemblea Xeral Extraordinaria terán validez cando sexan adoptados polos dous terzos dos socios presentes, excepto no que se refire ó contido do artigo 17 (resultando, neste suposto, elixida a candidatura máis votada).
CAPÍTULO IV
DA XUNTA DIRECTIVA
Artigo 17º
a) A Asociación estará dirixida por unha Xunta Directiva elixida por maioría
b) Poderán presentarse candidaturas, cos seus correspondentes programas, ata o mes antes da votación.
c) Na Asemblea Extraordinaria que implique renovación e votación da Xunta Directiva, elixirase unha Mesa Electoral formada por un presidente (o socio de maior idade), un secretario (o socio de menos idade) e dous vogais designados pola Xunta Directiva en exercicio.
d) O voto será presencial e secreto, debendo para o exercer, presentar o DNI e ter as cotas da asociación ao día.
e) A Xunta Directiva será a encargada do funcionamento doutras formas de exercer o voto, en particular, o voto por correo (habilitarase, con cada convocatoria, a dirección á que deben dirixirse) e o voto delegado (no que se esixirá a presentación dunha autorización firmada).
f) Calquera incidencia no proceso de votación será resolto pola Mesa Electoral.
g) A Xunta directiva está composta por un Presidente e un mínimo de 5 Vogais que exercerán de xeito cooperativo as funcións inherentes ao seu cargo. Dun xeito optativo e atendendo as necesidades para o funcionamento da asociación, a Xunta directiva poderá nomear un Vicepresidente, un Secretario e un tesoureiro con funcións específicas.
h) Terán, ademais, a condición de vocais da Xunta Directiva os Presidentes de cantas Asociacións de profesionais se constitúan segundo o artigo 31.
i) A Xunta Directiva terá un mandato máximo de tres anos.
Artigo 18º
Serán causas de cese dos membros da Xunta Directiva:
1.- A renuncia voluntaria comunicada por escrito á Xunta Directiva.
2.- A expiración do mandato.
3.- O incumprimento das obrigas que tivera encomendadas.
Artigo 19º
Correspóndelle á Xunta Directiva:
1.- Executar os acordos tomados pola Asemblea Xeral.
2.- Cumprir e facer cumprir os estatutos da Asociación.
3.- Convocar as reunións da Asemblea Xeral e resolver as preguntas regulamentarias dos socios.
4.- Propoñerlle á Asemblea Xeral a admisión ou exclusión de socios.
Artigo 20º
a) A Xunta Directiva reunirase polo menos unha vez ao ano de xeito presencial.
b) As decisións adoptaranse por maioría dos votos dos presentes e o presidente gozará de voto de calidade.
Artigo 21º
Son funcións do Presidente:
1.- Representar á Asociación para todos os efectos legais, científicos e administrativos.
2.- Cumprir e facer cumprir os acordos da Xunta Directiva e da
Asemblea Xeral.
3.- Convocar e presidir as reunións da Xunta Directiva e da Asemblea Xeral.
4.- Autorizar co seu visto e prace as actas das sesións, tanto da Xunta Directiva como da Asemblea Xeral.
Artigo 22º
O Vicepresidente, no caso de nomearse pola Xunta directiva, ademais de substituír ao Presidente en caso de ausencia, enfermidade, ou por delegación expresa deste, coordinará as comisións que se constitúan.
Artigo 23º
O Secretario, no caso de ser nomeado pola Xunta directiva, terá como funcións:
1.- Selar a asinar co Presidente os documentos que acrediten a
condición de asociado.
2.- Levar o rexistro de asociados.
3.- Autorizar coa súa sinatura todo documento que saia da secretaría.
4.- Asinar a orde do día das sesións científicas e asembleas xerais.
5.- Levar un rexistro das reclamacións que formulen os asociados ás
que dará o curso que proceda.
6.- Levar e tramitar os expedientes que unha vez rematados pasarán ó arquivo da Asociación.
7.- Redactar a memoria da secretaría e dar lectura desta na sesión inaugural (de cada exercicio).
8.- Darlle periodicamente ó Tesoureiro nota das altas e baixas que se produzan.
9.- Soster a correspondencia da Asociación.
10.- Intervirá en tódolos documentos referentes a cobros e pagamentos dos que tomará nota.
11.- Intervirá o balance que á fin de cada exercicio se deberá presentar á Asemblea Xeral.
12.- E responsable de todo o persoal e correspóndelle levar o inventario da Sociedade.
13.- Facer e asinar co Presidente as actas da Xunta Directiva e das asembleas e, en xeral, copialas nos libros correspondentes e expedir as certificacións co visto e prace do Presidente.
14.- Anotar e ler o resultado das votacións.
Artigo 24º
O Vicesecretario, no caso de ser nomeado pola Xunta Directiva, colaborará co Secretario Xeral en todas as funcións expostas no artigo anterior, ademais de substituílo no caso de ausencia,
enfermidade, ou por delegación expresa deste.
Artigo 25º
Correspóndelle ó Director de Publicacións canto se refire á edición de traballos da Asociación. Contará cun comité de edición de, polo menos, tres membros, elixidos en Asemblea Xeral Ordinaria.
Artigo 26º
O Tesoureiro, no caso de ser nomeado pola Xunta Directiva:
1.- Terá en depósito os fondos da Asociación e non efectuará ningún pagamento sen o correspondente libramento autorizado polo Presidente ou intervido polo Secretario.
2.- Asinará os recibos de cotas e presentará á fin de cada exercicio á aprobación da Asemblea Xeral o balance de ingresos e gastos deste e propoñerá, de acordo co Presidente, o orzamento para o exercicio seguinte.
3.- Levará un libro de contas, no que se determinará o carácter, procedencia, administración e destino dos recursos, que poderá ser consultado polos socios.
Artigo 27º
Os Vogais terán as seguintes atribucións:
1.- Realizar programas e propostas na súa área de actuación.
2.- Desempeñar os traballos que lles sexan encomendados pola Xunta Directiva.
CAPÍTULO V
DAS SESIÓNS CIENTÍFICAS
Artigo 28º
a) A Asociación realizará con carácter anual unha reunión ou xornada na que o programa sexa de interesa para os asociados e para asistencia en materia de saúde mental en Galiza.
b) Poderá realizar calquera outro tipo de actividade (Congresos, Mesas Redondas, Conferencias…) que garden relación cos seus propósitos fundacionais.
Artigo 29º
A Asemblea Xeral determinará as datas e o lugares onde se celebrarán as reunións científicas así como os temas dos relatorios e as persoas encargadas deles. Poderá delegar tais tarefas nun comité organizador.
Artigo 30º
Nas súas actividades científicas, a Asociación estará aberta ás diferentes correntes e orientacións. A saúde mental comunitaria en Galiza debe ser, non obstante, materia de especial interese.
CAPÍTULO VI
DAS COMISIÓNS, SECCIÓNS E GRUPOS DE TRABALLO
Artigo 31º
a) Co fin de facilitar as actividades da Asociación, poderán crearse comisións e seccións.
b) Será preceptivo a creación dunha comisión de control e garantías que sirva de instrumento de defensa dos dereitos dos asociados. Serán elixidas en Asemblea Xeral e manterán a súa vixencia durante o tempo de mandato da Xunta Directiva.
c) Poderán crearse asociacións constituídas por membros da Asociación Galega de Saúde Mental da mesma titulación e en exercicio profesional da mesma. Será preciso que a solicitude de asociacións de profesionais sexa feita por, polo menos, nove membros. A solicitude deberá dirixirse á Xunta Directiva que
cursará a proposta á Asemblea Xeral Extraordinaria da Asociación Galega de Saúde Mental para a súa aprobación, se procede.
Artigo 32º
a) O cometido das comisións será o de asesorar á Xunta Directiva nos asuntos de interese xeral para a Asociación. Correspóndelle á Asemblea Xeral determinar o tipo e número das comisións así como a elección ou eventual revogación dos membros responsables de cada comisión que se producirá automaticamente cando non xustifiquen tres ausencias consecutivas ás sesións de traballo da comisión.
b) A coordinación das comisións estará a cargo dos membros das comisións en quen delegue a Xunta Directiva ou, no caso de seren nomeado, do Vicepresidente.
Artigo 33º
a) A Asociación tenderá a constituír seccións como espazos non institucionais de traballo, que agrupen orientacións, tendencias, conxuntos de asociados con específicos intereses comúns a nivel científico ou profesional.
b) A Xunta Directiva estudará en cada caso o tipo de vinculación das seccións.
c) A asociación poderá nomear, por acordo da Asemblea ordinaria, membros naquelas comisións formadas por calquera outra asociación ou poder público relacionadas coa Saúde Mental en Galicia.
Artigo 34º
A Xunta Directiva poderá constituír cantos grupos de traballo considere necesario para desenvolver o seu labor.
CAPÍTULO VII
DAS PUBLICACIÓNS E REVISTAS
Artigo 35º
Constitúese un comité de edición e publicacións formado por, polo menos, tres asociados, elixidos en Asemblea Xeral, e o Director de Publicacións, que promoverá a existencia dunha publicación de carácter periódico, ademais de ter ó seu cargo todo o relacionado coas edicións da Asociación.
CAPÍTULO VIII
RÉXIME ECONÓMICO
Artigo 36º
a) A Asociación constitúese sen patrimonio inicial.
b) O orzamento anual da Asociación será variable e fixarase anualmente.
Artigo 37º
O exercicio asociativo e económico será anual e o seu peche terá lugar o 31 de decembro de cada ano. Así, o seu orzamento será anual e deberá ser aprobado na Asemblea Xeral Ordinaria do exercicio económico que corresponda e a liquidación do orzamento terase que presentar necesariamente, na Asemblea Xeral Ordinaria inmediatamente posterior ó remate do exercicio.
Artigo 38º
Anualmente, con referencia ó derradeiro día do exercicio económico de cada ano, elaboraranse as contas, que se formalizarán nunha memoria que será posta a disposición dos/as asociados/as durante un prazo non inferior a 15 días ó sinalado para a Asemblea Xeral Ordinaria, que deberá aprobalo ou censuralo.
Artigo 39º
A Asociación manterase dos seguintes recursos:
1.- As cotas periódicas dos asociados, suxeitas aos acordos establecidos na actualidade ou no futuro coa AEN da cal forma parte encanto sección territorial.
2.- As cotas extraordinarias que propoña a Xunta Directiva e que sexan aprobadas pola Asemblea Xeral Ordinaria.
3.- As doazóns ou subvencións que poidan conceder organismos públicos, entidades privadas ou particulares.
4.- Os ingresos que se poidan recibir derivados das actividades científicas da Asociación.
5.- Calquera outro ingreso admitido pola normativa vixente para actividades non lucrativas.
Artigo 40º
A Asociación como entidade sen ánimo de lucro, en ningún caso poderá distribuír os recursos obtidos entre os/as asociados/as, senón que, deberán destinarse exclusivamente ao cumprimento dos seus fins.
CAPÍTULO IX
DO REGULAMENTO DE RÉXIME INTERNO
Artigo 41º
O regulamento de réxime interno, no seu caso, desenvolverá aquelas materias non contempladas directamente nos presentes Estatutos, non podendo ir en ningún caso en contra do estipulado nos mesmos.
CAPÍTULO X
DA DISOLUCIÓN
Artigo 42º
A Asociación poderá ser disolta pola Asemblea Xeral Extraordinaria, convocada para o efecto, acordo que deberá ser tomado, polo menos, polos dous terzos dos socios asistentes con dereito a voto. Para tal suposto designarase unha comisión liquidadora integrada por cinco socios que deberá efectuar aquela no máis breve prazo de tempo.
Artigo 43º
Son causas de disolución:
1.- Expirar o prazo durante o cal funcionaba legalmente.
2.- Acadar o fin para o que se constituíu.
3.- Ser imposible aplicar a actividade e os medios de que dispón ao fin establecido.
4.- Por sentencia xudicial.
5.- Por vontade dos socios.
Artigo 44º
En caso de disolución, o patrimonio económico que a Asociación posúa nese momento, será destinado á Asociación Española de Neuropsiquiatría, o no seu defecto, a unha institución cultural relacionada coa saúde mental.
DISPOSICIÓN ADICIONAL
En todo canto non estea previsto nos presentes Estatutos aplicarase a vixente Lei Orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do Dereito de Asociación, e as disposicións complementarias.
DILIXENCIA
Os seguintes socios, membros da Xunta Xestora, elixidos na Asemblea Extraordinaria celebrada en Santiago de Compostela o día 22 de Xaneiro de 2015, fan constar que os presentes estatutos foron aprobados en Asemblea Extraordinaria celebrada en Lugo o 23 de Abril de 2015.
En Santiago de Compostela, a 23 de abril de 2015