En relación ás conclusións da visita realizada polo Defensor del Pueblo na súa función como Mecanismo de Prevención da Tortura ao Hospital Psiquiátrico de Conxo, a Asociación Galega de Saúde Mental solicitou reunión co subdirector xeral e planificación asistencial do SERGAS (denegada) e coa xerente do CHUS (sen contestación).
Pediu o informe completo ao Defensor del Pueblo (o publicado é un resumo) que estamos pendentes de recibir.
Na asamblea de servizo, o xefe de psiquiatría de Santiago afirmou que o informe era moi positivo (opinión que non compartimos e así se lle expresou) e na resposta realizada dende o SERGAS tras aparecer o asunto en prensa o argumento principal xirou ao redor de identificar presuntos erros ou incompletitudes no informe, sen asumir a necesidade de cambios radicais dende agora mesmo.
Á espera da lectura do informe completo, dende a asociación gustaríanos sinalar:
1.- As instalacións están obsoletas: conclusión que está fóra de toda dúbida. Cómpre engadir que no plan de ampliación e reforma do CHUS, o Hospital Psiquiátrico de Conxo non está incluído e que as preguntas realizadas sobre esta cuestión non foron contestadas.
2.- Persoal: unha psicóloga para todo o centro é unha estatística, aínda que supoñemos que os números son quen de causar sonroxo. Recentemente, diminuiu o número de traballadoras sociais despois da xubilación da profesional que atendía unha das unidades de rehabilitación.
3.- Extrahospitalaria: a atención a doentes graves polos equipos de continuidade de coidados e os chamados recursos intermedios non só son unha necesidade senón tamén unha filosofía asistencial que colócase xusto no lado contrario ao tipo de asistencia descrita no informe do defensor. Por elo, a escaseza de recursos non só significa unha deficiencia senón que tamén define as liñas estratéxicas prioritarias: que atención se quere dar, baixo que valores e segundo que paradigma.
4.- O residencial: o informe describe un grupo moi amplo de doentes ingresados con importantes dificultades de adaptación e con tempos de internamento moi prolongados. As condicións de habitabilidade e de vida non están deseñadas dende os coidados residenciais. Na nosa comunidade autónoma, a rede psicosocial que repousa nas asociacións (pisos protexidos, centros psicosociais de rehabilitación social e laboral...) debe ser reactualizada na súa relación cun sistema público de asistencia á doenza mental.
5.- A sobremedicación sinalada no informe semella ser a resposta medicalizadora diante das insuficiencia de outro tipo de terapéuticas. Este desequilibrio pódese rastrexar en moitos dos dispositivos que conforman a rede de saúde mental, na formación dos residentes, nos temarios das OPEs... Malia rexir o actual decreto de saúde mental en Galicia cunha orientación claramente comunitaria e multidisciplinar, a realidade docente e asistencial non é así en absoluto.
6.- As autorizacións xudiciais, as incapacidades... indican, cando menos, un desleixo ao respecto da cuestión dos dereitos , e involucra tamén á FUNGA e ao sistema xudicial.